• O campo de interpretación, eixo central de cada Encontro Acampa, achegaralle ao visitante distintos escenarios de situacións causantes de fame no mundo
  • Entre o 9 e o 11 de xuño “Fame e Refuxio” converterá de novo á cidade nun referente do debate social colectivo. Un espazo público no que fotoxornalistas, activistas, especialistas e organizacións falarán das moitas caras da fame, unha das principais causas dos desprazamentos masivos de persoas
  • Entre os convidados, a india ecofeminista  Vandana  Shiva (física, filósofa e escritora); a responsable de nutrición en Médicos Sen Fronteiras, Montse Escruela; a activista senegalesa  Fatima  Mbengue,  cuxa presencia é posible grazas a Médicos do Mundo; o director de Amnistía Internacional, Esteban  Beltrán; o correspondente internacional Rafael Poch; a activista mexicana Diana Damián ou os xornalistas Guillermo Fesser e Patricia Simón
  • Os fotoperiodistas que expoñerán a súa mirada sobre a fame son  Lys  Arango, Silvia  Landi, Juan Carlos  Tomasi,  Ricard García Vilanova, Javier Teniente, Pablo Tosco, Rodrigo  Zaím, Fred Ramos e Víctor Peña

Máis de 811 millóns de persoas, segundo datos da ONU, pasan fame. Deles, preto de 17 millóns son nenos e nenas. Ao redor de 24.000 persoas morren cada día por falta de alimentos ou por causas derivadas diso. Unhas cifras que xustifican por si soas que a rede Acampa pola Paz e  o Dereito a Refuxio vire o foco cara esa realidade. A máis forte das razóns para que na sexta edición do Encontro Internacional Acampa pola Paz (A Coruña, do 9 ao 11 de xuño ) se fale de “Fame e Refuxio”. A Coruña, a “Cidade refuxio”, converterase un ano máis nun referente do debate social colectivo sobre dereitos humanos e dereito de asilo. O Encontro Internacional, posible grazas ao financiamento do Concello coruñés que o sufraga xunto co apoio da Deputación Provincial e outros patrocinadores, é o resultado do traballo voluntario e altruísta de decenas de persoas, organizacións, entidades sindicais, sociais, veciñais e partidos políticos que conformaron o movemento Acampa no 2016 e teceron unha rede que non deixa de medrar.

“As cifras da fame –xa insoportables desde hai moitas décadas na súa dimensión-  creceron aínda máis por mor da pandemia da Covid 19. Cando parecía que esta empezaba a mellorar, a invasión rusa de Ucraína   deu un novo xiro á realidade mundial. Entre outras e gravísimas  consecuencias, a guerra en Ucraína supuxo a destrución dun dos principais celeiros que fornecen de cereais aos países máis necesitados do continente africano ou de Oriente Medio. Parece claro que o que está a acontecer en distintos puntos do planeta non fará máis que afondar na crise de persoas refuxiadas. É obvio, xa que logo, que os desprazamentos masivos de seres humanos “formarán parte da paisaxe presente e futura”, sinalan desde a rede Acampa para explicar a elección do tema da presente edición, “Fame e Refuxio”. Para o movemento Acampa, traballar na sensibilización da sociedade civil para evitar que creza o racismo e a xenofobia é esencial, e a súa razón de ser desde a orixe. “Concienciarmos da irrenunciable defensa dos dereitos humanos e o eereito a refuxio é a fórmula con máis garantías nun tempo en que a escaseza duns, fronte á voracidade e o espolio do capitalismo atroz, deixará a millóns de persoas sen hoxe e sen mañá”, indica o seu coordinador, Xosé Abad.

Campo de interpretación

O eixo central de cada Encontro Internacional é un campo de interpretación instalado nos Xardíns de Méndez Núñez. Un espazo que permite á cidadanía acceder, pasear e percibir eses escenarios nos que sobreviven centos, miles de persoas desprazadas, en distintos puntos do planeta. Nesta ocasión o campo reproducirá distintos escenarios de situacións causantes de fame no mundo.

Fotoxornalistas e exposicións

As exposicións fotográficas urbanas que balizarán os xardíns entre o 9 de xuño e o 4 de xullo achegarannos as olladas que fotoxornalistas de prestixio internacional pousaron sobre a fame, as súas causas e os seus efectos nos máis diversos puntos do planeta. Falamos de Lys Arango, “Ata que o millo volva crecer”;  Ricard García Vilanova “Guerra e Fame”; Silvia Landi, “Globesity”; Juan Carlos Tomasi, “A Memoria do Esquecemento” (Médicos sen Fronteiras); Javier Teniente “A terra seca”; Pablo Tosco, ”Sen refuxio para a fame” (Oxfam Intermón) e  Rodrigo  Zaím, “Brasil, país da fame”.  A estas propostas súmase tamén a exposición “Mulleres que migran”, unha mostra fotográfica de Médicos do Mundo e o xornal salvadoreño dixital El Faro, que achegará aos visitantes, a través da cámara dos fotoxornalistas Fred Ramos e Víctor Peña, á migración feminina en Mesoamérica.

Relatores e especialista 

Activistas, especialistas e testemuñas do drama da fame compoñen o programa deste VI Encontro. Cada tarde desenvolverase na carpa central dos xardíns un encontro nos que participarán, entre outros, a física, filósofa e escritora india Vandana  Shiva, activista do  ecofeminismo e receptora do Premio ao Sustento Ben Gañado (o Nobel Alternativo); a responsable en Nutrición de Médicos Sen Fronteiras, Montse  Escruela; a activista senegalesa, Fatima Mbengue -unha das figuras máis destacadas do  FRAPP, a fronte que defende e loita pola soberanía de África-, cuxa participación xestiona Médicos do Mundo, ou o director de Amnistía Internacional España, Esteban  Beltrán. Acudirán ademais a estas charlas o correspondente internacional Rafael  Poch; o xornalista Guillermo  Fesser, ou a profesora  Célia  Regina Rossi, coordinadora da rede Acampa Brasil. Achegaranse tamén a  “Fame e  Refuxio” a xornalista Patricia Simón; a activista mexicana Diana Damián; a secretaria xeral do Sindicato  Labrego  Galego, Isabel Vilalba, ou a activista  Janaina  Strokaze, campesiña e militante do  Movimento dos  Trabalhadores  Rurais sem Terra, de Brasil.

Cinema, música, libros…

Haberá tamén proxeccións documentais: “O monstro invisible”, dos irmáns Fesser; música en directo con Ímola virando ou a agrupación Donaire; presentacións de libros: Miedo, de Patricia Simón; Marcelo, de Guillermo Fesser, e A Memoria do Esquecemento, de Juan Carlos Tomasi (MsF), e ducias de actividades particulares das distintas organizacións que integran a rede Acampa.

Entrega II Recoñecementos Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos

No marco do VI Encontro tamén se fará entrega dos II Recoñecementos Internacionais Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos que nesta ocasión foron concedidos ás oenegués Ca-minando Fronteiras, na categoría internacional, e a Ecodesarrollo Gaia no ámbito local-Galicia.

As mil e unha caras da fame

Os días 9, 10 e 11 de xuño, o VI Encontro Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio  encherá o centro da Coruña dunha intensa actividade sensibilizadora. Falarase da fame que deixan as guerras e a crise climática; da que provocan os embargos, a xeopolítica ou o espolio de recursos. Afondará na inseguridade alimentaria que a globalización multiplica. Reflexionará sobre a necesidade de recuperar a soberanía alimentaria, volver a conectar o consumo co territorio e mais de loitarmos contra a gandería e agricultura intensivas que esnaquizan os hábitat, contaminan a terra e o aire, esnaquizan os recursos hídricos e multiplican a dependencia. Debaterá, asemade, sobre esas outras formas de fame como son a obesidade froito da alimentación deficiente imposta pola pobreza, na que sobreviven miles de familias nos países supostamente máis desenvolvidos e con sistemas de protección social máis estruturados. Tratará de dar respostas a sobre se estamos diante dun problema de escaseza  produtiva de alimentos ou dunha egoísta repartición da riqueza. Falarase das iniciativas de máis éxito na loita contra a fame. E das realidades máis vergoñosas ás que dá lugar. En definitiva, Rede Acampa proporá tomar conciencia da responsabilidade particular e colectiva fronte a secuela  da fame e a necesidade imperiosa de loitarmos na súa contra.

Comparte esta entrada