© Majdi Fathi
Más de cen fotografías de gran formato tomarán de novo os Xardíns de Méndez Núñez
Ana Palacios, Majdi Fathi, Diego Ibarra, Pedro Armestre, Vincent Tremeau, Rodrigo Abd, Bruno Thevenin e Marta Moreiras son a nómina de fotoxornalistas convidados na oitava edición do Encontro Internacional Acampa pola Paz “Infancia e mocidade refuxiada” que se celebrará na Coruña en xuño. Coas súas imaxes, unha intención clara: convidar á cidadanía a reflexionar sobre eses millóns de cativos aos que se roubou o seu dereito para selo.
As súas propostas expositivas, que permanecerán en Xardíns ata o 30 de xuño, viaxan desde Gabón, Togo ou Benin á fronteira sur de España, mostran Gaza, Afganistán ou Ucraína. Trasladarán ao público á Cañada Real de Madrid, condenada á escuridade desde fai máis de catro anos, ou a realidade dos menores con discapacidade en Guinea Bissau. Tamén permitirán ao observador achegarse a ese universo soñado por moitos nenos e nenas que en metade dun conflito pensan que desexan ser de maiores.
A Coruña, 18 de marzo de 2024.- As cento vinte lonas de gran formato que perimetrarán os Xardíns de Méndez Núñez coruñeses no marco do Encontro Internacional Acampa pola Paz 2024 (7-9 de xuño) serán as xanelas que o Movemento Acampa abra á infancia e a mocidade refuxiada. Oito fotoperiodistas de recoñecido prestixio son os participantes na presente edición: Ana Palacios, Majdi Fathi, Diego Ibarra, Pedro Armestre, Vincent Tremeau, Rodrigo Abd, Bruno Thevenin e Marta Moreiras.
O fotógrafo palestino Majdi Fhati achéganos ao horror que se vive na Franxa de Gaza. Súa é a sobrecolledora imaxe que dá forma ao cartel oficial do VIII Encontro Internacional Acampa pola Paz, un neno salvando dos entullos os seus libros e cadernos, agarrándose á normalidade e ao futuro dunha infancia arrebatada de raíz polas bombas israelitas. Ana Palacios achéganos aos nenos escravos de Togo, Benin ou Gabón. Rodrigo Abd permitiranos albiscar o mundo dos pequenos e pequenas afgás baixo o xugo talibán, mentres Pedro Armestre obrigaranos a mirar o que acontece na fronteira sur, en Ceuta e Melilla, con eses centos de menores non acompañados tratando de chegar a chan europeo. Diego Ibarra mostrará aos viandantes a educación secuestrada nunha Ucraína en guerra. Thevenin poñerá luz sobre a negrura á que administracións e compañías eléctricas condenan a miles de nenos e nenas na Cañada Real, Madrid, desde fai xa catro anos. Marta Moreiras trae ata Coruña como é ser menor e discapacitado en Guinea Bissau. Por último, Vincent Tremeau documenta as esperanzas e soños de nenos e nenas, de mozas que transitan na vulnerabilidade dos conflitos bélicos, a pobreza ou o rexeitamento social, disfrazándose co que teñen a man para soñar co que desexan ser.