• Os impulsores da rede convidan á cidadanía a formar parte da iniciativa apuntándose como voluntaria
  • O movimento fai un chamamento, tamén, a integrarse nel, asociándose a través da web www.redeacampa.org. É doado.
  • O equipo de arquitectura e infraestruturas está a deseñar nestes días o que será o espazo que reproducirá en Méndez Núñez o hábitat dos máis vulnerables por mor do espolio de recuros

Os distintos equipos que conforman a rede Acampa pola paz e o dereito a refuxio están centrados na organización da nova cita que se vai celebrar na Coruña entre o 11 e o 13 de xuño e que estará centrada no Espolio de recursos. Nestes días, botan horas e creatividade os membros do equipo de arquitectura e infraestruturas. Javier, Paula e Pedro son os encargados de deseñar e levantar o espazo emblemático do evento, os que fan posible que os Xardíns de Méndez Núñez se transformen por uns días e alberguen a reprodución dun campo, dun hábitat no que malviven os máis vulnerables…Desde a primeira edición Acampa quere que a cidadanía poda poñerse, aínda que sexa por un chisco, na pel das persoas refuxiadas, desprazadas ou abusadas en distintos puntos do planeta. Achegarse aos casos máis extremos aos que o sistema capitalista expolia serve non só para ver a morte e a escravitude que a comodidade cotiá do autobautizado primeiro mundo (enerxías, tecnoloxía, alimentos, auga…) impón en todos eses países, senón tamén para entender que o que está en xogo son os Dereitos Humanos –de todos- e a sustentabilidade do propio mundo compartido.

Acampa é unha rede transversal, un movemento sen ánimo de lucro en defensa da paz e o dereito a refuxio. Por iso require o traballo voluntario de decenas de persoas que acheguen o seu tempo, o seu coñecemento e a súa ilusión en facer posible -un ano máis e xa van catro- que A Coruña sexa por uns días un centro de atención internacional na defensa das persoas desprazadas forzosamente. A menos de catro meses de que Acampa tome de novo os Xardíns de Méndez Núñez e as salas de exposicións municipais, a organización busca voluntarios para moi diversas áreas: acompañamento institucional, comunicación e web, loxística, infraestruturas, xestión e administración… “Só fai falta ter ganas e sensibilidade cara a unha realidade que está máis preto do que parece”, explican os promotores da Rede Acampa. “Son moitas as áreas nas que se pode botar unha man, polo que convidamos á cidadanía para regalarnos un pouco do seu tempo e o seu compromiso. Toda axuda é benvida”. Poden facelo a través da web www.redeacampa.org

A Rede Acampa lembra, ademáis, que hai outras fórmulas para comprometerse co movemento. “Se non teñen tempo para o voluntariado poden, se cadra, prestarnos a súa axuda asociándose á rede cunha mínima cota mensual ou cunha doazón puntual que permita ao movemento medrar”; “queremos que a rede se expanda e poder replicar en outras ciudades e outros países eventos como o que se inaugurará en xuño, unha cita que en só catro edicións consolidouse como un referente internacional na defensa dos dereitos das persoas refuxiadas e migrantes cada vez máis pisados pola onda crecente de xenofobia que arrasa o mundo, e para iso necesitamos recursos”, sinalan os responsables da organización. Acampa, que naceu na Coruña cunha clara intención internacional, logrou expandirse en tempo record. Non en balde, verase pronto replicada en Madrid, Brasil e Lisboa. Os seus responsables queren desfacer un equívoco e aclaran que non só as organizacións, colectivos, asociacións ou empresas poden integrarse na rede. “Calquera cidadán pódese converter en membro da mesma e facelo de maneira sinxela” lembran.

Acampa converteuse xa nunha cita imprescindible que fai da Coruña unha das urbes máis empáticas coa problemática das persoas refuxiadas e migrantes que foxen da pobreza, as guerras, a violencia ou as cada vez máis frecuentes catástrofes naturais producidas pola crise climática. Esta cuarta edición contemplará, coma sempre, un intenso programa de conferencias, debates, exposicións e proxeccións, para achegar á cidadanía os dramáticos efectos do espolio de recursos.

Comparte esta entrada