Na categoría internacional foron propostas as oenegués Salvamento Marítimo Humanitario (Aita Mari), MSF, Save the Children, os Cascos Brancos, o expresidente de Uruguai, Pepe Mujica e a activista turca Pinar Selek
No ámbito galego foron postuladas a Asociación de Mulleres Rurais “A Maristela” ,de Sobrado dos Monxes, polo seu apoio aos refuxiados afgáns que chegaron ao municipio, a ong AGA-Ucraína fundada en Galicia para atender aos centos de ucraínos desprazados pola guerra, os senegaleses Ibrahima Diack e Magatte Ndiyae que defenderon ao mozo Samuel Luiz cando estaba sendo agredido pese a súa situación vulnerable por non ter papeis, e os activistas Manuel Monge, Rafael Pillado, Alfonso Mascuñana e Paco Cotelo.
A Coruña, 17 de febreiro de 2023.- De seguro, os merecedores do noso aplauso colectivo son máis dos que están. Pero certo é que todas as candidaturas que chegaron son ben merecedoras del. Este ano, optan ao III Recoñecemento Acampa pola Paz un total de trece candidaturas, seis para a categoría internacional e sete para a local-galega. As do ámbito internacional son:
- Salvamento Marítimo Humanitario, a oenegué vasca que co barco de salvamento Aita Mari salva vidas no Mediterráneo Central. A do Aita Mari non é unha historia épica de superhomes/mulleres. É unha historia de xente normal e corrente disposta a facer o que os Estados non fan. É unha historia de non deixar morrer a ninguén na mar. De reaccionar á inacción dos Estados pero tamén de dar a estas persoas desprazadas en busca de refuxio o respecto, amor e humanidade.
- Pepe Mujica, presidente de Uruguai entre 2010 e 2015, cun pasado guerrilleiro que o levou ao cárcere por máis de quince anos. A súa voz é inquebrantable na defensa dos pobres, os esquecidos e os invisibles e moi crítica co consumismo “e o modelo de civilización que montamos. “A defensa dos Dereitos Humanos é unha loita que non se acaba nunca, unha loita permanente marcada polas desigualdades e as limitacións da nosa pobre humanidade”, mantén Pepe Mujica, para quen “vivir con causa é a única forma de vivir”.
- Médicos sen Fronteiras, oenegué que desde fai máis de corenta anos leva atención médicohumanitaria a millóns de persoas, en aquelas partes do mundo que sofren os efectos das guerras, da violencia, dos desastres naturais…a crise climática extrema…
- Pinar Selek, socióloga e escritora turca convertida no símbolo da resistencia e da defensa dos Dereitos Humanos no seu país. Unha das activistas referente en materia de feminismo, antimilitarismo e convivencia entre culturas.
- Save the Children, oenegué que desde hai máis de cen anos traballa en distintas partes do mundo para protexer á infancia, actuando en emerxencias humanitarias e procurando refuxio, hixiene, alimentación, cobertura médica, protección e educación a millóns de nenos e nenas en todo o planeta.
- Comisión de Cascos Brancos, dependente do Ministerio de Relacións Exteriores arxentino dedícase desde 1994 á asistencia humanitaria internacional desenvolvendo proxectos de cooperación multilateral e dando resposta inmediata ante desastres naturais, abordando tarefas de reconstrución e prevención e xestión de riscos. Traballa en coordinación co Programa de Voluntarios da ONU.
As presentadas no ámbito galego son:
- Rafael Pillado Lista, pola súa incansable loita polos dereitos sociais e políticos da clase traballadora. Cofundador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, da asociación cultural Fuco Buxán e da Asociación Galega de Vítimas do Amianto (AGAVIDA). En Bazán toda a súa vída laboral, desenvolve unha intensa actividade política e sindical que o levan a estar encarcerado en varias ocasións. Participa na fundación de CCOO e do PCG.
- Manuel Monge, sociólogo, docente e escritor. Polo seu compromiso na defensa dos Dereitos Humanos, a súa entrega e militancia na defensa das causas xustas na cidade da Coruña, na que vive, e en toda Galicia, e pola súa loita pola recuperación da memoria histórica non noso país traballando arreo para difundir a verdade, evitar o esquezo e esparexer a xustiza.
- Alfonso Mascuñana Bordas, incansable activista. Cura obreiro no barrio coruñés de Palavea e profesor de filosofía. Voluntario en Nicaragua durante a revolución sandinista e defensor dos Dereitos Humanos en Honduras. Xa xubilado, foi voluntario á illa de Lesbos durante a crise das persoas refuxiadas do 2016.
- “A Maristela” Asociación de mulleres que se funda no municipio de Sobrado dos Monxes (A Coruña) no ano 2000 e que actualmente conta con 400 mulleres de outros concellos limítrofes como Curtis, Boimorto, Vilasantar, Toques e Melide; A axuda e apoio aos refuxiados afgáns que chegaron recentemente a Sobrado dos Monxes fainas merecedoras do noso Recoñecemento. “A Maristela” proveulles de mobles, roupa, alimentos, equipamento da cocina, gastos de luz, desprazamentos… A entidade conseguiu ademáis que o prior do mosteiro de Sobrado cedera un edificio (a Casa do Arco) que forma parte da hospedaría do mosteiro pero que está separado fisicamente e está totalmente equipado con toda clase de servizos para atender ata 40 – 50 persoas encargándose de pagar os gastos de luz e combustible da Casa do Arco e de cubrir todas as necesidades das familias afgás alí acollidas.
- “Aga-Ucraína” Asociación Galega de Axuda a Ucraína. Fundada fai un ano, tras a invasión rusa a Ucraína, traballan nas catro provincias galegas para atender as necesidades dos seus compatriotas refuxiados dispoñendo ademáis dun servizo de asesoría xurídica e outro de inserción laboral.
- Ibrahima Diack e Magatte Ndiyae, os defensores de Samuel Luiz Transcorrido xa máis dun ano e medio após o brutal asasinato de Samuel Luiz Muñiz na nosa cidade parécenos que non debe caer no esquecemento nin o acontecido nin, tampouco, o reverso luminoso que tivo aquela traxedia tan escura, a exemplar intervención dos mozos de orixe senegalesa afincados na Coruña, naquel momento en situación irregular, tratando de protexer a Samuel da terríbel agresión da que estaba a ser vítima. Estas dúas persoas representaron naquel momento –e deben seguir representando–un exemplo de solidariedade e humanidade que constitúe, en si propio, unha lección para a sociedade no seu conxunto.
- Francisco Cotelo, presidente de Manos Unidas en Galicia organización á que leva ligado máis de corenta anos e coa que traballou en Perú, India ou África. Desde o seu posto de profesor de relixión nun instituto coruñés, intentou sempre espertar a conciencia social nos centos de alumnos que pola súa aula pasaron, sementando os valores da empatía, a responsabilidade social e o respecto aos Dereitos Humanos.
O prazo de votación abrirase o un de marzo e poderase exercer o voto en liña ao longo de todo o mes. Desde o equipo de coordinación do Movemento Acampa, agradecer a complicidade dos integrantes da rede e o seu compromiso e resposta á hora de presentar candidaturas.