O presidente da rede Acampa, Xosé Abad, e o coordinador de Organizacións Sociais da entidade, Rubén Sánchez, reuníronse no Hórreo con parlamentarios dos tres grupos para trasladarlles a necesidade do establecemento desta figura
- A rede Acampa percibiu unha ampla sintonía por parte dos grupos -agás o PP, que polo momento non contestou á invitación de reunirse coa representación deste movemento- á causa central destes encontros.
- Nin a Convención de Xenebra nin o Estatuto Internacional do Refuxiado contempla a existencia da figura dos “migrantes por causa climática”. Ante a realidade que se está a producir, o movemento Acampa pola paz e o Dereito a Refuxio promoveu esta petición de apoio parlamentario para que ese status sexa recoñecido internacionalmente. O seguinte paso será trasladar a reclamación ao Parlamento español, unha vez se conforme o novo arco parlamentario. Segundo a ONU e outras organizacións internacionais, de aquí a trinta anos entre 250 e 1.000 millóns de persoas terán que buscar refuxio por razóns medioambientais
Os cada vez máis obvios efectos do cambio climático en calquera punto do planeta están a provocar un dano irreparable no modo de vida de millóns de persoas. As temperaturas cada vez máis extremas, a desertización ou a subida do nivel do mar deixan sen áreas de cultivo nin de pastoreo, e mesmo sen terra que habitar, a poboacións enteiras en distintas partes da terra. Os datos están aí: segundo ACNUR, desde 2009 e por cada segundo que pasa, unha persoa vese desprazada do seu hábitat por un desastre ambiental. Nos últimos once anos, un total de 22,5 millóns de persoas desprazáronse por causa do cambio climático. Os primeiros afectados son os habitantes das zonas máis vulnerables do planeta, pero tamén no Primeiro Mundo se empezan a detectar os efectos: secas, aumento da temperatura no mar con afectación de todas as especies, inundacións que arrasan cidades enteiras, lumes descontrolados… A ONU e outras organizacións internacionais calculan que, de aquí a trinta anos, entre 250 e 1.000 millóns de persoas terán que buscar refuxio por razóns ambientais.
A pesar diso, esta categoría de desprazado non está recoñecida por ningún goberno nin institución. A Rede Acampa, nacida na Coruña en 2016, centrou o programa de Acampa 2018 nas migracións por cambio climático. Os expertos convidados neses días, (científicos, fotoxornalistas, responsables de organizacións de atención á poboación desprazada…) non trouxeron unha mensaxe demasiado optimista. A dimensión do problema é xigantesca. Os desprazamentos humanitarios seguirán repetíndose, e cada unha desas persoas, migrantes climáticos, deberían ver recoñecida internacionalmente a súa condición. Tan urxente é frear as políticas económicas e de aproveitamento enerxético intensivo que aceleran o cambio climático como darmos resposta xurídica aos millóns de persoas que esas políticas expulsan dos seus fogares, obrigándoas a desprazarse para sobrevivir.