- O fútbol, e máis a ese nivel, é unha plataforma moi potente de difusión dos valores deportivos e non pode estar alleo á defensa dos seres humanos
- A discriminación das mulleres, a violencia contra o colectivo LGBTQIA+ , a falta de respecto aos dereitos dos traballadores e traballadoras migrantes -que suman máis de 6.500 mortes relacionadas directamente coas construcions das instalacións que se levantaron para este Mundial- son razóns máis que suficientes para plantar cara ao réxime qatarí. “Sentarse cada tarde a ver os partidos sen ver o sangue, o medo, a violencia e a morte que hai tras el é branquear a ditadura e é moi pouco ético”, sinalan desde o Movemento Acampa
A un día de que o primeiro partido do Mundial de Fútbol sexa retransmitido desde Qatar a centos de países, a Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio fai un chamamento á cidadanía respectuosa cos Dereitos Humanos a boicotear o campeonato evitando así blanquear unha ditadura como a do réxime qatarí.
É un momento clave, destacan desde o Movemento Acampa pola Paz, “para decir NON ao país que discrimina ás mulleres, aplica unha violencia extrema contra o colectivo LGBTQIA+ e falta ao respecto a millóns de traballadoras e traballadores migrantes aos que ten sometidos coma escravos, sen recoñecemento dos máis básicos dereitos laborais”. Acampa lembra que máis de 6.500 traballadores morreron nas obras de construción das distintas instalacións deportivas que Qatar levantou para este Mundial que agora comeza. Os millóns de afeccionados ao fútbol, aos que seguro lles moven os valores deportivos e o xogo limpo, non poden pasar por alto esta realidade . Sentar a ver os partidos é refrendar ou ao menos minimizar eses graves delitos e a violencia extrema do réxime qatarí.
Rede Acampa lembra, por último, algúns datos do día a día de millóns de persoas naquel país. A poboación traballadora migrante ten prohibido formar sindicatos ou afiliarse. Sofren abusos laborais cotiáns e teñen dificultades para cambiar libremente de emprego. A liberdade de expresión e reunión está restrinxida para silenciar as voces críticas. As persoas LGTBI son discriminadas na lei e na práctica, perseguidas, con penas de ata 7 anos de prisión. En virtude do sistema de tutela masculina, as mulleres continúan estando ligadas ao seu titor home, habitualmente pai ou irmán, ata que casan e pasan a ser tuteladas polo seu marido. Teñen que ter permiso do seu titor para casar, estudar no estranxeiro, traballar, viaxar ou recibir servizos de saúde reprodutiva. Divorciarse é dificultoso e as mulleres divorciadas non poden exercer a tutela dos seus fillos ou fillas.
O pasado marzo, lembra Rede Acampa, o goberno qatarí rexeitou as conclusións dun informe de Human Rights Watch sobre a discriminación contra as mulleres naquel país e prometeu investigar e axuizar a calquera persoa que infrinxise a lei. Ao concluír o ano non realizara ningunha investigación.
Un exemplo con nome propio. Noof ao Maadeed, muller qatarí de 23 anos que solicitou asilo en Reino Unido alegando abusos no ámbito familiar, decidiu regresar a Qatar tras pedir garantías ás autoridades. Comezou a documentar o seu retorno nas redes sociais, pero non se volveu a saber nada dela a partir do 13 de outubro, despois de que denunciase á policía ameazas de membros da súa propia familia. A pesar de que as autoridades aseguraron que non corría perigo, segue sen coñecerse o seu paradoiro, o que suscita temor pola súa seguridade.