Os estados de Sao Paulo, sede da primeira Acampa brasileira (Piracicaba), e de Mato Grosso do Sul, son os dous destinos do desprazamento

 As tres persoas que integran a delegación intervirán en diversos actos preparatorios e de difusión da que será a primeira edición de Acampa fóra de España. Tamén manterán contactos con organizacións, dirixentes sociais e líderes indíxenas

Unha delegación coruñesa da rede Acampa pola paz e o dereito a refuxio encabezada polo seu coordinador, o fotodocumentalista Xosé Abad, viaxará durante a primeira quincena de novembro a Brasil para participar en diversos actos preparatorios e na procura de apoios para o que será a primeira réplica internacional da iniciativa galega. Durante a estadía naquel país suramericano, as persoas integrantes da delegación, Xosé Abad e Alfonso Vázquez, do equipo de coordinación, e mais o membro da rede Acampa, Xulio García -que autofinancian o seu desprazamento- reuniranse con colectivos e personalidades de distintos movementos sociais e políticos, líderes indíxenas e dirixentes do MST (Movemento Sem Terra) e a FUNAI (Fundación Nacional do Indio). Tamén participarán en distintos actos na cidade de Piracicaba (Sao Paulo), sede da que será a primeira edición de Acampa en territorio brasileiro.

O estado de Sao Paulo será o primeiro destino da delegación. Alí manterán reunións co grupo promotor de Acampa Brasil, cuxo principal artífice é o experto en educación ambiental Marcos Sorrentino, profesor universitario e  ex-alto cargo do Ministerio de Medio Ambiente da Administración Lula. En Piracicaba, Xosé Abad intervirá, o día 4 de novembro, nunha xornada pública organizada pola Cámara de Vereadores da cidade, baixo o título Movimento Acampa. Vulnerabilidade, Refúgio e Bem Viver (este último termo é un concepto indíxena ancestral que fai referencia á relación harmónica entre o ser humano e a natureza). O portavoz de Acampa Coruña tamén dirixirá neses días un obradoiro de fotografía documental.

Defensores do medio ambiente                                                              

Na axenda da delegación figuran, ademais, visitas a iniciativas do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST) tales como o Acampamento Marielle Vive e Ocupaçäo Nove de Julho , cuxo obxectivo é dar uso ás terras baldías do país. Os membros de Acampa Coruña reuniranse tamén con expertos defensores do medio ambiente e as comunidades indíxenas. Na última etapa da viaxe, que se prolongará ata o 14 de novembro, realizarán un percorrido por diversos campamentos indíxenas da zona de Dourados, no estado de Mato Grosso do Sul, nos que viven poboacións expulsadas das súas terras.

A cidade brasileira de Piracicaba, a 150 quilómetros de Sao Paulo e cunha poboación semellante á da propia área metropolitana coruñesa, será a sede da primeira Acampa fóra de Galicia. O seu impulsor, Marcos Sorrentino, responsable do Laboratorio de Educación e Política Ambiental (método Oca) da Universidade de Sao Paulo, aspira a replicar Acampa tamén noutras cidades do país. Para iso, xunto ao Laboratorio de Educación e Política Ambiental e varias organizacións locais de Piracicaba (os responsables da Xornada Universitaria pola Reforma Agraria, entre outras), está a empregar todas as vías negociadoras ao seu alcance a prol dese obxectivo, como a Rede de Educación e Xustiza Ambiental, os Congresos Lusófonos de Educación Ambiental e as Caravanas do Bem Viver.

A iniciativa de realizar Acampa en Brasil xurdiu por mor da presenza de Sorrentino e a súa colega do Laboratorio de Educación e Política Ambiental, Simone Portugal, en Acampa Coruña para expoñer o labor que desenvolve o Movemento dous Traballadores Rurais Sen Terra en Brasil e, por extensión, a súa aposta pola educación popular (método Oca). A escala na Coruña, unha máis do periplo internacional que ambos emprenderon para dar a coñecer e a un tempo, contrastar, o seu traballo de investigación ao redor da educación e o medio ambiente, resultou decisiva. “Na Coruña puidemos comprobar a converxencia entre a filosofía do movemento Acampa e as nosas áreas de actuación, centradas na loita pola terra e a xustiza social”. A educación ambiental, comenta a ese respecto o impulsor de Acampa Brasil, “é un camiño para protexer o futuro de millóns de persoas que, doutro xeito, abocamos a migrar”.

Acampa é unha iniciativa sen fins de lucro que naceu en 2016, na Coruña. O seu obxectivo é defender os Dereitos Humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio e para elo promove anualmente na cidade un campamento simbólico de persoas refuxiadas (Xardíns de Méndez Núñez) e ao seu redor toda unha serie de actividades como conferencias, encontros e exposicións fotográficas para achegar á cidadanía a situación das persoas desprazadas. En cada edición pon o foco nun aspecto concreto. En 2017, a primeira, foi a crise das persoas desprazadas por mor da guerra en  Siria, en 2018 as migracións polo cambio climático e este ano 2019, as mulleres refuxiadas. En 2020 centrará as actividades no espolio de recursos que está detrás de moitas das migracións masivas no planeta. Integran a rede Acampa colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, políticos e sindicais, ademais de institucións e empresas con responsabilidade social e mesmo particulares. Unha gran maioría desas organizacións son ONG que traballan sobre o terreo coas persoas refuxiadas en todo o mundo.

 

Comparte esta entrada