• Alumnos e alumnas do Grao en Educación Social avanzan no mapeo de comentarios racistas, machistas, LGTBI+fobia, gordofobia, aporofobia/clasismo, idadismo, capacitismo…
  •  Este proxecto, en coincidencia co tema que centrará o VII Encontro Internacional Acampa pola Paz do mes de xuño “Odio ou convivencia”, está a cargo das profesoras Laura Cruz e María Barba.

A Coruña, 2 de febreiro 2023.- Avanza o proxecto académico sobre a forma en que os Discursos de Odio impactan nos nosos corpos que o alumnado de terceiro curso do Grao en Educación Social está a executar como unha proposta de aprendizaxe-servizo en colaboración coa Rede Acampa. Como primeiro paso, estudantes da materia Acción socioeducativa con minorías e colectivos vulnerables recompilaron os discursos de odio que foron detectando, tanto directamente como na súa contorna, fixando non só a narrativa do discurso (texto e contexto) senón tamén información sobre a fonte da que procedía (anónima, próxima, pública…), o medio, ou o colectivo vítima do odio ao que se dirixía. Con esa información realizaron un obradoiro de cartografía corporal, ilustrando a pegada que eses discursos tiñan no seu corpo, tanto física como mental, emocional ou relacionalmente.  O seguinte paso foi deseñar e realizar unha sesión cartográfica en catorce entidades da cidade, coa participación de colectivos vulnerados, aos que se lles requiriu o mesmo: que relatasen situacións e experiencias nas que percibisen discursos de odio (exemplos de machismo, racismo, LGTBI+fobia, aporofobia/clasismo, gordofobia, idadismo, capacitismo…), e que reflexionasen e ilustrasen nunha silueta compartida como lles afectan.

Toca agora dixerir e analizar toda esa información: 14 cartografías e relatos das entidades participantes máis 70 cartografías e relatos individuais que o propio alumnado realizou como exercicio de instrospección.

No segundo cuadrimestre, na materia de Recursos e estratexias de intervención no tempo libre, o alumnado vai deseñar propostas para fortalecer a convivencia a través do tempo de lecer, afondando así no segundo elemento do tema que vertebrará este ano o VII Encontro Internacional Acampa pola Paz. Os resultados de todo o proxecto de aprendizaxe-servizo presentaranse na celebración do mesmo, entre o 16 e o 18 de xuño na Coruña.

É oportuno lembrar que o tema, “Odio ou Convivencia”, foi elixido polas distintas organizacións que integran Rede Acampa.  Non houbo moitas dúbidas. “O crecemento do odio a nivel global, a diminución da tolerancia social ao diferente, nun momento en que os tránsitos migratorios multiplicaranse e millóns de persoas camiñarán a procura de refuxio, debería estar na primeira liña das preocupacións de sociedades, gobernos e estados”, sinala o coordinador de Rede Acampa, Xosé Abad. “Por iso é máis que oportuno reflexionar sobre esta dicotomía, ter claro de que lado hai que estar e estalo dunha forma militante”.

 

 

Comparte esta entrada