• O movemento Acampa  pola Paz e o  Dereito a  Refuxio non pode máis que dar unhas xigantescas grazas pola resposta da cidade a esta cita anual que rexistrou unha altísima participación nas actividades que integraban o seu intenso programa
  • As sete exposicións que discorren polos Xardíns de Méndez Núñez con imaxes sobre o espolio e as súas dramáticas consecuencias, esas ás que moitas veces permanecemos alleos cando consumimos recursos roubados a moita distancia de nós, permanecerán ata o 10 de outubro. Esas fotografías de gran formato seguirán convidando á cidadanía a reflexionar, a conformar unha sociedade crítica capaz de esixir un cambio na deriva do saqueo e na conculcación dos Dereitos Humanos que están a sufrir moitas comunidades do planeta
  • A Rede Acampa agradece a todas as organizacións e colectivos que a integran, e tamén ao voluntariado, a súa participación no desenvolvemento do intenso programa que deu forma a este V Encontro Internacional e convídalles a traballar desde xa na preparación do  Encontro Internacional 2022 que versará sobre “FAME E REFUXIO”

“A Vida Negada”, o V  Encontro Internacional Acampa  pola Paz e o  Dereito a  Refuxio -que se clausurou o sábado na cidade- confirma que A Coruña é, como demostrou historicamente, unha urbe aberta e sensible, defensora dos Dereitos Humanos. O movemento Acampa  pola Paz non pode máis que dar as grazas á cidadanía por tomar da súa man esta iniciativa concienciadora e consolidala como unha das propostas imprescindibles e referentes na defensa dos Dereitos Humanos.  Esta resposta cidadá interpela sen dúbida algunha ás administracións que apoian a iniciativa pero máis aínda ás que non, como o caso da Xunta de Galicia que, a pesar de ser o goberno dun pobo tan históricamente solidario como o galego, deu as costas reiteradamente a este proxecto sociocultural.

Durante estes tres días, do xoves ao sábado, as actividades que integraron o intenso programa de “A Vida Negada” e que se desenvolveron na carpa central instalada nos Xardíns de Méndez Núñez, espertaron moitísimo interese. Os protocolos  COVID limitaron, como é lóxico, os aforos e non foi excepcional que algúns cidadáns utilizasen incluso os bancos da contorna da carpa para escoitar aos relatores internacionais convidados, activistas de Dereitos Humanos,  fotoxornalistas, ou líderes indíxenas participantes nas nosas charlas e debates.

“A resposta da cidadanía coruñesa confirma a súa sensibilidade cara ás realidades que desde a Rede Acampa empeñámonos en mostrar”, indicou Xosé Abad, coordinador de Acampa  pola Paz. “Nun momento como o actual, cos Dereitos Humanos pisados en tantos puntos do planeta, nalgúns espazos moi moi próximos -non hai máis que pensar nas devolucións en quente de menores en Ceuta, o abandono que a comunidade internacional acaba de escenificar en Afganistán, a vergoña dos campamentos de persoas refuxiadas en Italia, Grecia ou nas Illas Canarias- reconforta comprobar que hai unha sociedade crítica disposta a facer exame de conciencia, a asumir esa parte de responsabilidade individual que cada un de nós temos fronte a estas dramáticas realidades”, engadiu.

Durante “A Vida Negada” a Rede Acampa  pola Paz achegou ata Coruña a realidade do  MST brasileiro. Trátase do  Movimento dos  Trabalhadores  Rurais  sem Terra, unha das organizacións sociais máis activas e lonxevas de América Latina que procura terra para os campesiños e conforma agrupacións poboacionais autoxestionadas. Na actualidade, tal e como contou a súa vicepresidenta, Marina dos Santos, o  MST ten baixo o seu paraugas a 500.000 familias -dous millóns de persoas- que habitan en distintos asentamentos ao longo e ancho de todo o país.

Estes días tamén puidemos oír á  lideresa indíxena brasileira  Luana  Kaingang lanzar unha petición urxente de apoio internacional para que as comunidades indíxenas do seu país non sexan extinguidas. A persecución á que lle somete o presidente  Bolsonaro e todo o seu goberno, directamente implicados no  agronegocio e na deforestación da  Amazonía, colocou ás poboacións indíxenas nunha posición límite. Necesitan recuperar as súas terras ancestrais, ás que tratan non como propiedade senón como legado. Eles son os defensores do pulmón que permite ao mundo,  a todos nós, respirar, lembrounos  Luana. O noso consumo de carne ou mobles ten un baño de sangue indíxena, denunciou.

Sobrecolledor o relato da activista internacional  congoleña  Julienne  Lusenge, que lembrou aos coruñeses que a tecnoloxía que tanto facilita as nosas vidas causa morte, violencia, violencia sexual e escravitude infantil no seu país. A República Democrática do  Congo produce o 80% do  cobalto do mundo. As súas terras raras son a súa condena porque enriquecen a países e multinacionais e sementan de dor e morte as aldeas e comunidades  congoleñas, sen que se beneficien o máis mínimo desa riqueza natural que lles é esquilmada.

A correspondente de televisión Rosa María  Calaf, esa voz referente de TVE que contou e explicou aos españois a complexa realidade internacional que asomaba aos seus televisores durante varias décadas, deu unha vez máis unha lección sobre o xornalismo necesario fronte ao ruído e a desinformación. O  politólogo Carlos Taibo enfrontou ao público ao inevitable colapso e  á necesidade imperiosa de decrecer. Pola súa banda, o xornalista Nicolás Castellano trouxo ata Acampa esa realidade incómoda que sementa o Mediterráneo ou o Atlántico de mortos sen nome ou que sobrevive, presa, nos campos de persoas refuxiadas ou nas rúas das cidades fronteirizas alén do  bunker infranqueable en que se converteu a vella Europa.

Apoio institucional

Desde a  Rede Acampa só queda agradecer o apoio institucional recibido, sen o cal non sería posible facer realidade este V Encontro Internacional. O Concello coruñés, a Deputación  provincial e a Universidade da Coruña, xunto coas empresas patrocinadoras e simpatizantes da iniciativa, son quen fixo posible que esta proposta reflexiva haxa visto a luz unha edición máis.

Acampa  pola Paz e o Dereito a  Refuxio confía en que a sexta edición do seu Encontro Internacional poida volver á cidade porque, o que é seguro, é que a realidade seguirá sumando espazos e colectivos humanos nos que os Dereitos Humanos son  conculcados e millóns de persoas seguirán á procura de refuxio. E mentres iso ocorra, propostas como a de Acampa  pola Paz seguirán sendo imprescindibles.

 

Comparte esta entrada