• Os días 9, 10 e 11 de setembro falaremos sobre o drama do seu pobo pola deforestación, o espolio e o impacto da COVID-19 no seu territorio dos que Bolsonaro é responsable directo
  • A fotoxornalista Judith Prat achegaranos ao universo visual de Matria, o seu último traballo sobre a realidade invisible das mulleres e a súa relación coa terra nai en distintas partes do mundo. Luis de Vega exporá ás duras condicións nas que sobrevive o pobo saharauí, sen terra e sen país. Ernesto Piovanno enfrontaranos aos mortáis efectos do uso indiscriminado do tóxico glifosato no agronegocio arxentino e Xosé Abad asomaranos ao día a día nos asentamentos do MST brasileiro, o Movimento dos Trabahadores Rurais sem Terra que ocupa e recupera as terras que se lles negan aos brasileiros pese a ser este un dereito recollido na súa Constitución.

Os asistentes ao  Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio da Coruña (9, 10 e 11 de setembro), que chega a súa quinta edición, poderán coñecer de primeira man o acoso que sofren na actualidade as comunidades indíxenas brasileiras por causa da avaricia  espoliadora dunhas terras tradicionalmente súas. A explotación madeireira intensiva da  Amazonía, e a deforestación subseguinte, que permite dispoñer de  extensísimas superficies para a gandeiría, o cultivo da soia transxénica ou o azucre de cana (destinados á produción de  biodiesel) están a cercar e conducindo ao exterminio ás comunidades indíxenas e a súa cultura. Esa realidade será á que nos achegue a  lideresa indíxena  Joziléia  Kaigang, profesora universitaria experta en antropoloxía social e cultura indíxena que, como outras moitas  lideresas e defensoras da terra e a cultura das súas comunidades, están a sufrir a presión do Goberno de  Bolsonaro, a quen a súa militancia e a difusión desa realidade polo mundo incomoda fondamente. A chegada da COVID 19 aos territorios indíxenas e o abandono destes en materia sanitaria por parte da sanidade pública agrava máis se cabe a realidade na que habitan miles de indíxenas brasileiros, en perigo real de extinción.

Joziléia foi a primeira estudante indíxena do Programa de Posgrao en Antropoloxía Social da  UFSC. Natural da terra indíxena de  Guarita, no interior do Rio Grande  do  Sul, é experta na loita que as mulleres kaingang iniciaron a partir dos anos 60 en defensa da terra e os dereitos, e tamén en coma o movemento indíxena conseguiuse articular moito antes da chegada da internet, o teléfono e o diñeiro, e antes de que os seus Dereitos, polo menos sobre o papel, fosen recollidos na Constitución de 1988. Os  kaingang, etnia á que pertence, é un pobo agricultor que  migra entre aldeas en función das épocas de pesca, de caza, ou de recollida dos alimentos silvestres base da súa alimentación. Habitan desde o sur de Sao Paulo ata o Río Grande  do  Sul, lonxe das zonas de litoral, tradicionalmente ocupadas por indíxenas doutra etnia, os  guaranís. O  kaingang é o terceiro maior pobo indíxena de Brasil, integrado por arredor de 37.000 persoas segundo o censo do 2010, aínda que nese conteo non constan os que xa habitan en áreas urbanas polo que a cifra podería elevarse ata os 40.000. Uno dos valores en risco polo acoso a esta comunidade é a súa lingua. O  kaingang, actualmente falado xa só pola metade do total dese colectivo, está en perigo de extinción segundo recoñéceo a propia UNESCO. Por iso, o curso de licenciatura indíxena da  Universidade Federal de Santa Catarina traballa na súa preservación e ensino.

As fotos tomarán as rúas da Coruña

Por quinto ano consecutivo, o centro da cidade da Coruña volverá ser un espazo de denuncia da situación das persoas refuxiadas e  migrantes e as causas que as empurran a fuxir dos seus fogares e países. Esta edición “A vida negada” achegaranos aos durísimos efectos que a rapina de recursos ten sobre as comunidades que habitan ás áreas e países espoliados, un saqueo no que os consumidores teñen moita responsabilidade, e non son, para nada, inocentes. Esa é a reflexión á que convidará a Rede Acampa para que a cidadanía sexa quen de asumir unha conciencia crítica ao respecto e de presionar contra a desfeita natural e social que estas prácticas provocan.

As imaxes tomarán de novo as rúas da cidade e nelas fotoxornalistas internacionais de primeiro nivel poñerán a sociedade fronte o espello. Así,  Judith Prat achegaranos ao universo visual de Matria, o seu último traballo sobre a realidade invisible das mulleres e a súa relación coa terra nai en distintas partes do mundo. Luis de Vega exporá ás duras condicións nas que sobrevive o pobo saharauí, sen terra e sen país. Ernesto Piovanno enfrontaranos aos mortáis efectos do uso indiscriminado do tóxico glifosato no agronegocio arxentino, e Xosé Abad ao día a día nos asentamentos do MST brasileiro, o Movimento dos Trabahadores Rurais sem Terra que ocupa e recupera as terras que se lles negan aos brasileiros pese a ser un dereito  recollido na súa Constitución.

 

Comparte esta entrada