- A quinta edición do Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio chegará ás rúas coruñesas os días 9, 10 e 11 de setembro
- Lusenge é directora do Fondo de Mulleres Congoleñas. Un testemuño que sen dúbida algunha non deixará impasible a quen a escoite.
Primeira confirmación e o listón moi alto. AcampaCoruña 2021 – 9,10 e 11 de setembro e centrado na rapina de recursos e os seus dramáticos efectos sobre o desprazamento forzado de millóns de persoas- contará coa presenza da activista congoleña de Dereitos Humanos Julienne Lusenge, directora do Fondo de Mulleres Congoleñas e cofundadora e presidenta de Solidariedade Feminina para a Paz e o Desenvolvemento Integrado. O seu traballo en defensa das mulleres vítimas de violencia sexual en tempos de guerra foi compensado co Premio Internacional de Dereitos da Muller 2018 -outorgado por 25 organizacións de Dereitos Humanos no Cume de Xenebra para os Dereitos Humanos e a Democracia- e polo Premio Ginetta Sagán 2016 que outorga Amnistía Internacional. Así mesmo, recibiu o Premio de Dereitos Humanos da Embaixada de Francia e foi nomeada Caballero da Lexión de Honra polo Goberno francés.
O seu labor como xornalista no leste do seu país cando estoupou a guerra civil, en 1998, permitiulle asomarse á barbarie. A súa emisora dedicábase a informar sobre saúde e dereitos humanos nas aldeas máis remotas e foi entrevistando a mulleres cando comezou a coñecer as cada vez máis frecuentes e sistemáticas agresións sexuais que estas sufrían. Diante da desmesura dese horror ela e outros 22 activistas comezaron a chamar a atención das organizacións internacionais que traballaban no país, incluída a ONU. En paralelo, Lusenge apoiaba ás vítimas nas súas denuncias fronte a xustiza co obxectivo de poder sentar aos seus agresores no banquiño dos tribunais. En 2007 fundou o FFC, Fondo para as Mulleres Congoleñas, co fin de obter fondos e achegar a doantes internacionais ás iniciativas locais desas mulleres. A súa actividade e o seu compromiso multiplícanse. É socia, para o seu país, dun novo proxecto con Media Matters for Women, unha organización sen fins de lucro cuxo obxectivo principal é pechar a fenda dixital para mulleres e nenas illadas en comunidades pobres e remotas de África que carecen de acceso a información sobre os seus dereitos e están en risco pola violencia de xénero e a profundización da pobreza. Tamén é membro do comité asesor da Campaña internacional para deter a violación e a violencia de xénero en zonas de conflito e ocupa a vicepresidencia da liga Internacional de Mulleres para a Paz e a Liberdade ( WILPF).