Corenta anos despois de que xurdiran as primeiras alertas, a comunidade internacional segue sen poñerse de acordo sobre este crecente fenómeno migratorio. 

O último informe de ECODES, que conta co aval do Comité de Expertos sobre M

España, di o estudo, non é allea. Moi ao contrario. E o norte peninsular está xusto no ollo do furacán, Galicia incluída.

O cambio climático é froito do modelo de desenvolvemento das nacións ricas do norte global, en particular, dun cento de compañías moi concretas, responsables absolutas do 70% das emisións de gases de efecto invernadoiro dos últimos vinte anos. Porén, é o sur global o que sofre as peores consecuencias do quentamento planetario. Unha situación, dicía o exsecretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon, “sen precedentes” na historia da Humanidade e, o que é peor, hoxe por hoxe, ancorada nun punto de non retorno. O cambio climático é tan incuestionable como irreversible. O único que cabe facer a estas alturas de milenio é buscar un modo de minimizar os danos.

Por forza ou á forza

Porque o cambio climático leva aparelladas consecuencias socioeconómicas. Para empezarmos, fai que o hábitat se degrade e deveña inhabitable (lentamente, isto é, por elevación do nivel do mar, acidificación dos océanos, desxeo… ou ben de maneira repentina: furacáns, ondas de calor ou frío, inundacións…), o que obriga a moitas persoas, polo xeral sumidas en contextos xa de por si vulnerables, a abandonaren as súas comunidades. Son as “migracións climáticas”, un nome xenérico sobre o que non se pon de acordo a comunidade internacional, pero que vén a describir este crecente fenómeno de mobilidade humana, pseudo-voluntaria ou forzosa, tanto interior como internacional; incluídos desprazamentos e refuxio.

Fotografía: Georgina Goodwin

Un estudo encargado pola Fundación Ecología y Desarrollo (ECODES) á investigadora do Centro de Estudios de Dereito Ambiental de Tarragona, Beatriz Felipe Pérez –que ten o aval do Comité de Expertos sobre Migracións Climáticas-, acaba de ratificar os peores presaxios. Se ben –di Beatriz Felipe- as migracións climáticas supoñen un “fenómeno complexo, heteroxéneo e multicausal”, son unha realidade en todo o planeta, “dende Alaska ata os pequenos Estados insulares do Pacífico”. E España, aínda que non se vexa afectada dun modo tan grave nin tan severo, o está en bo grao. Non en van é un “país moi vulnerable”, segundo o Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC, pola súas siglas en inglés), debido á súa situación xeográfica e as súas propias características socioeconómicas.

Honduras, España

Tal e como sinala o estudo ECODES, España xa sofre situacións de cambio climático “que afectan ao sustento dos fogares”, o que, inevitablemente, “inflúe na mobilidade” das persoas afectadas. Salvando as distancias, é o mesmo problema que orixinou a caravana de migrantes que atravesou México procedente de Honduras camiño de Estados Unidos. Ademais da pobreza, a inseguridade ou a falta de expectativas, a causa subxacente dese desprazamento masivo cara ao norte non é outra que o cambio climático.

200 millóns en 2025

E é que a tendencia que prevalece nos movementos migratorios –explica Beatriz Felipe- é dende as rexións rurais ás urbanizadas. Adoitan ter lugar no interior dos países, pero existe constancia de traslados internacionais: o problema é a súa cuantificación. As cifras sobre migración climática son outra fonte de controversia, aínda que o informe 2018 do IPCC calculou nun total de 18,8 millóns os desprazamentos internos globais que se sucederon en 2017 motivados por desastres; en concreto, pola seca, outros 1,3 millóns. Non hai cifras fiables para reflectir as migracións internacionais, non entanto, malia que, segundo apuntan todas as organizacións, están escalando. As previsións máis pesimistas apuntan a que aumentarán ata os 200 millóns de persoas en 2025; mil millóns en 2050. Unha vez máis, tampouco é unha conclusión unánime. Hai expertos que incluso negan a existencia dunha migración climática como tal. Atribúen esa mobilidade ás situacións de pobreza e inestabilidade social nas que vive a poboación.

Galicia caníbal

A gran vulnerabilidade de España fronte ao cambio climático tradúcese en feito palpables. A desertización avanza rapidamente, ao punto de que hoxe por hoxe máis de dúas terceiras partes do noso territorio están catalogadas como áreas áridas, semiáridas ou ben subhúmidas secas. É, de feito, o país europeo con maior risco de sufrir desertización severa. As secas manteranse, igual que a escaseza de auga irá adquirindo cada vez maior importancia.

O norte peninsular, tradicionalmente máis chuvioso, pouco se libra do desastre climático. ECODES, citando á Axencia Europea de Medio Ambiente, advirte da previsible diminución da biodiversidade e un maior risco de incendios forestais e danos nos cultivos debido a un aumento das ondas de calor, cuxa incidencia será aos poucos superior, cambiando os patróns das precipitacións. Tamén haberá cambios na distribución das enfermidades infecciosas. A mortalidade relacionada coas altas temperaturas –anuncia- empeorará.

Pese a ser “un país moi vulnerable” pola súa propia situación xeográfica e as súas características socioeconómicas, España é un dos que obteñen peores resultados en políticas climáticas, segundo o Índice de Acción Climática

 

Por outra banda, o incremento do nivel do mar, que está afectando a zonas costeiras, e as propias chairas aluviais, son igualmente puntos críticos, de tal xeito que empeorará notablemente o risco de inundacións.

Así e todo, España, segundo o Índice de Acción Climática 2018, tira pobres resultados en política climática. Ocupa o posto 38 de 60, baixando cinco respecto a 2017. Logo –suxire ECODES- “debe asumir compromisos máis serios en relación á mitigación do cambio climático”, así como tomar medidas para remediar “a súa débeda climática” con outras rexións do mundo, por exemplo, incrementando as súas políticas en materia de cooperación internacional.

 

Comparte esta entrada