Non teñen rostro nin conciencia

Vivimos nun mundo e nun tempo en que cada día nos falan de globalización, como eufemismo dun modelo económico agresivo e desapiadado. Pouco e pouco, unha minoría silenciosa e poderosa foise facendo co control da economía, a tecnoloxía, a investigación e dereitos tan vitais como a saúde, a educación, o territorio, a enerxía e a auga. Son as grandes corporacións transnacionais, amparadas por gobernos amigos e o control case absoluto da información.

Non teñen rostro nin conciencia, e non permiten que os organismos internacionais actúen para impedir o sufrimento da maior parte da humanidade. Non perden o sono se o planeta arde ou seca, se se deseñan guerras para acaparar recursos, se se asasina xente inocente ou millóns de persoas teñen que fuxir da súa casa e da súa terra.

A razón explicouna moi ben Rodrigo Rato, o que foi director xerente do Fondo Monetario Internacional e vicepresidente do Goberno español con José M.ª Aznar: «é o mercado, amigo».

Como facer fronte a unha estrutura tan ben construída? Que podemos facer a maioría da humanidade para recuperar o control do planeta e das nosas vidas? Só unha cousa: sumar forzas e actuar. Tomarmos conciencia da nosa capacidade colectiva e sermos quen de dicir «basta!».

Acampa pola paz e o dereito a refuxio naceu para traballar nesta dirección: a unidade de acción de organizacións e cidadanía fronte ao desamparo en que os Estados actuais deixan a familias que solicitan un dereito elemental, o dereito a refuxio. Persoas que escapan das consecuencias das políticas agresivas e inhumanas de grandes corporacións.

Polo noso propio interese, debemos responder solidariamente e esixir que se respecten os dereitos humanos en todo o planeta. Se permitimos que se violen os dereitos dos que chaman á nosa porta, o paso seguinte será perder os nosos, como xa está sucedendo.

Neste segundo ano de vida de Acampa pola paz e o dereito a refuxio, queremos afondar nunha cuestión grave, urxente e non recoñecida por ningún Goberno: o dereito a refuxio por cambio climático.

Segundo os informes da ONU, nos próximos trinta anos o número de persoas que van necesitar refuxio por cambio climático pode oscilar entre 250 e 1000 millóns. A maioría serán desprazados no seu propio territorio e uns poucos, os que teñan máis recursos, poderán intentar cambiar de país.

Podemos pechar os ollos ou tomar a iniciativa; podemos facelo agora ou esperar un tempo que pode ser irreversible. Velaí a decisión persoal e colectiva.

A gran maioría de organizacións e persoas que conforman a Rede Acampa actúan día a día sobre o terreo e saben moi ben do que estamos a falar. Con iniciativas como Acampa pola paz e o dereito a refuxio estamos poñendo o noso gran de area, tratando de contrastar a información, buscando e propoñendo alternativas, estamos sumando forzas.

Para darmos o seguinte paso, necesitamos de todas as mans e conciencias.

Acampa 2018

Comparte esta entrada